miércoles, 27 de noviembre de 2013

Socorristas caninos.

Os primeiros cans preparados en Galicia para colaborar no rescate de persoas no mar. Só existe un hándicap, as Administracións públicas non dan permiso a estes cans para permanecer nas praias. Aínda que estean para salvar vidas.



O primeiro que nos chama a atención é que a lexislación actual de costas do país non permite a permanencia de cans na praia, co cal estamos a descartar unha axuda moi importante para os socorristas e, por suposto, unha asistencia a todos os bañistas, os cales se ven privados deste servizo que podería salvarlles a vida. Esta lei permite unicamente o acceso de cans guía das persoas invidentes. Non sucede así noutros países como Italia, Francia e Arxentina. Pero a pesar de todas estas restricións, o grupo Mare Nostrum loita día a día para que se lle facilite un lugar para poder adestrar e estar preparados para cando a lei lles permita traballar nas praias.


O socorrismo acuático canino, a pesar do que a xente poida pensar non consiste en ter cans autónomos capaz de realizar o rescate dunha persoa en risco de afogamento. O can unicamente é unha axuda, sempre debe de ir acompañado dun socorrista, que á vez é o guía canino. Nos rescates, o socorrista ten que valorar en todo momento a situación e decidir como se debe actuar.
O equipo dun socorrista acuático canino consiste nun traxe de neopreno, luvas e escarpíns para protección e unha lata de rescate (flotador). 
No caso de actuar dende unha embarcación, debe levar un casco. O can de rescate tamén debe levar o seu equipo correspondente, que principalmente é un arnés de seguridade, que lle garante a flotabilidade ademais de ir provisto de varias argolas e mosquetóns, aos cales se poden enganchar tanto os socorristas, coma as vítimas e tamén poden ser utilizados para ser elevados dende un helicóptero de rescate.

 Outro elemento de seguridade do arnés é unha especie de "airbag" situado á altura do colo que, en caso de accidente ou cansazo, o guía pode accionar para manter a cabeza do can fóra da auga. O arnés tamén vai provisto dunha liña de vida que, en caso de ser necesario, o socorrista pode tirar dela para recuperar o can. Outro elemento importante son as partes reflectantes e mesmo algunha luz que permite a localización do can en condicións de mala visibilidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario